Friday 29 de March de 2024

A excursión dos maiores de Oroso asistiu á inauguración da vixésima edición do certame internacional GóisOrosoArte


Os 45 maiores visitaron Góis, municipio irmandado con Oroso, e as localidades de Aveiro, Figueira da Foz, Coímbra e Porto

Un total de 45 veciños e veciñas de Oroso, todos eles maiores de 60 anos e as súas parellas, participaron esta fin de semana na primeira “Excursión dos nosos maiores” que organiza o Concello de Oroso, en colaboración coa Asociación da Terceira Idade de Oroso. Entre o 7 e o 10 de xullo, os maiores orosáns visitaron as localidades de Aveiro, Figueira da Foz, Coímbra, Porto e Góis, onde asistiron á inauguración da vixésima edición do certame internacional GóisOrosoArte.

A expedición estivo encabezada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a concelleira de Maiores, Vanesa Boo; que estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Luís Rey; e a concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro. A expedición partiu na mañá do xoves 7 de xullo dende Sigüeiro, visitando Aveiro e facendo noite en Coimbra.

O venres 8 de xullo os maiores orosáns visitaron as praias de Figueira da Foz, municipio co cal o concello de Oroso asinou un convenio de colaboración en xullo de 2015 para promover a cultura. Despois de xantar en Figueira da Foz, a expedición vistou Coímbra, con paradas no centro histórico, a Universidade e o Parque Verde.

GoisOrosoArte

O sábado 9 de xullo, os maiores de Oroso terán a oportunidade de coñecer Góis, localidade irmandada con Oroso dende 2007. Ademais de percorrer o seu centro histórico e coñecer as riquezas naturais vencelladas ao río Ceira, os maiores foron recibidos na Cámara Municipal de Góis pola alcaldesa María de Lurdes de Oliveira Castanheira.

Xa pola tarde, os maiores asistiron á inauguración da vixésima edición do certame internacional GóisOrosoArte no auditorio da Casa da Cultura de Góis, acto no que actuaron dous violinistas procedentes de Oroso: Anca e Avi Smeu. A exposición foi inaugurada pola propia María de Lurdes de Oliveira, polo alcalde orosán, Manuel Mirás, e polo presidente da Asambleia de Góis, José Antonio Pereira de Carvalho.

A expedición orosá iniciou na mañá do domingo a súa volta a Oroso, facendo parada en Porto.